CONCURSO DE CARTEIS 25N
Nas dúas últimas semanas de novembro, o Departamento de EPVA, xunto co Equipo de Biblioteca, convocou no noso IES un concurso de cartelería fronte á violencia de xénero, con motivo da conmemoración do 25N. O alumnado elaborou cadanseus carteis para seren expostos posteriormente na biblioteca do centro, que acolleu tamén alí o Punto Violeta do Concello das Pontes, onde o alumnado se puido informar sobre diferentes cuestións en relación con esta temática e onde tamén realizou obradoiros da man de dúas psicólogas expertas na materia.
As premiadas no certame de carteis recibiron sendos diplomas
acreditativos e vales para a cafetería do IES. Ademais, grazas ás ferramentas
do noso Polo Creativo, tamén puideron desfrutar dun novidoso premio: un
chaveiro co símbolo feminista e o logo do noso IES.
OBRADOIRO ELABORACIÓN MANIFIESTO FEMINISTA
A semana do 25 de novembro, o equipo de biblioteca organizou un pequeno taller para redactar un manifesto feminista que se lería no acto reivindicativo convocado polo centro o 25 de novembro, antes do recreo.
Neste obradoiro participaron 3 rapazas de 2º ESO que tiñan moi claras as
súas denuncias: fronte á violencia contra a muller, por unha infancia digna sen
necesidade de mudar a vida por completo coa chegada da adolescencia, coa axuda
dos seus compañeiros rapaces e a favor dun reconto real das vítimas, falecidas
e non. Tamén abriron espazo de reflexión sobre o uso e impacto que as redes
teñen entre a rapazada en relación con temáticas como o desprestixio e
minorización das figuras femininas, nun tempo no que semellaba que iso debería
de estar xa superado, pois os e as adolescentes de hoxe en día teñen un maior
acceso á información que noutras épocas, pero son espectadores de escándalos en
materia de violencia de xénero nos círculos das personalidades que teñen como
referentes.
No manifiesto quixeron deixar claro que á violencia hai que facerlle
fronte actuando como unha sociedade unida e rompendo a polarización que semella
apoderarse do noso mundo actual, unha cuestión que as preocupa. Tamén
reivindicaron liberdade para saír sen medo á rúa e para seguiren sendo as nenas
que non queren deixar de ser: un berro de solidariedade e mans tendidas cara ao
consenso, a axuda e o coidado mutuo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario