A Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación do concello das Pontes proporcionounos as seguintes actividades pertencentes á campaña non as fagas invisibles, afina a mirada:
1. Actividade Punto Violeta:
Instalamos un Punto Violenta no centro, en horario de atención continuado durante toda a xornada escolar. É un espazo de información, sensibilización e atención ante situacións de violencias machistas que contou ademais con dúas profesionais especializadas na materia que fixeron acompañamento e atención psicolóxica en caso de que algunha persoa se achegara a contar experiencias propias ou coñecidas, situacións de violencia.
2. Obradoiro: A revolución está servida
Trátase dun obradoiro dinámico e participativo, baseado nun xogo por equipos no que se mesturan dedución, memoria, rol e azar, co obxectivo de promover a reflexión crítica sobre os estereotipos de xénero, os prexuízos e as violencias machistas quese reproducen na vida cotiá.
A través dunha sesión única de 50 minutos, o alumnado de 2º da ESO experimenta unha aprendizaxe significativa mediante o xogo e a cooperación, adquirindo coñecementos e actitudes clave para recoñecer, analizar e previr as desigualdades de xénero.
O obradoiro, impartido por unha psicóloga, propón unha aproximación lúdica e reflexiva, na que o alumnado participa activamente en diferentes desafíos agrupados en seis categorías: Real ou Fake?, Ábrese o telón!, Quen sabe, sabe!, Teño arte nas veas!, Rebobina! e A sorte chiscoume un ollo!.
Cada categoría aborda, desde diferentes enfoques e formatos, cuestións relacionadas coa igualdade, a diversidade, o consentimento, os micromachismos, a linguaxe e o bo trato, favorecendo unha comprensión integral e contextualizada das violencias de xénero.
O alumnado de 3º e 4º ESO participou no auditorio Alovi das Pontes nun taller impartido polo psicólogo e sexólogo social Jesús Moreno Pizarro, especializado en metodoloxías participativas, igualdade de xénero e masculinidades. Os nosos nenos e nenas participaron nunha conversa na que, a través de dinámicas interactivas, exploraron a relación entre a socialización de xénero, o consumo de pornografía e a maneira en que se constrúen as relacións interpersoais na adolescencia. A sesión promoveu a reflexión crítica sobre estes temas e presentou a sexualidade igualitaria como un modelo desexable e enriquecedor para o conxunto das persoas participantes.
Fermosa e interesante iniciativa proposta pola Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación, do Concello das Pontes no marco da campaña conmemorativa do 25N, Non as fagas invisibles. afina a mirada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario