martes, 2 de diciembre de 2025

CAMPAÑA NON AS FAGAS INVISIBLES, AFINA A MIRADA- CONCELLO DAS PONTES

A Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación do concello das Pontes  proporcionounos  as seguintes actividades pertencentes á campaña non as fagas invisibles, afina a mirada:

1.    Actividade Punto Violeta: 

Instalamos un Punto Violenta no centro, en horario de atención continuado durante toda a xornada escolar. É un  espazo de información, sensibilización e atención ante situacións de violencias machistas que contou ademais con dúas profesionais especializadas na materia que fixeron acompañamento e atención psicolóxica en caso de que algunha persoa se achegara a contar experiencias propias ou coñecidas, situacións de violencia.

2.  Obradoiro: A revolución está servida 

Trátase dun obradoiro dinámico e participativo, baseado nun xogo por equipos no que se mesturan dedución, memoria, rol e azar, co obxectivo de promover a reflexión crítica sobre os estereotipos de xénero, os prexuízos e as violencias machistas quese reproducen na vida cotiá.

A través dunha sesión única de 50 minutos, o alumnado de 2º da ESO experimenta unha aprendizaxe significativa mediante o xogo e a cooperación, adquirindo coñecementos e actitudes clave para recoñecer, analizar e previr as desigualdades de xénero.

O obradoiro, impartido por unha psicóloga, propón unha aproximación lúdica e reflexiva, na que o alumnado participa activamente en diferentes desafíos agrupados en seis categorías: Real ou Fake?, Ábrese o telón!, Quen sabe, sabe!, Teño arte nas veas!, Rebobina! e A sorte chiscoume un ollo!.

Cada categoría aborda, desde diferentes enfoques e formatos, cuestións relacionadas coa igualdade, a diversidade, o consentimento, os micromachismos, a linguaxe e o bo trato, favorecendo unha comprensión integral e contextualizada das violencias de xénero.

3- Conversa: Se eu tamén, ti tamén. Todo por non falalo: 

O alumnado de 3º e 4º ESO participou no auditorio Alovi das Pontes nun taller impartido polo psicólogo e sexólogo social Jesús Moreno Pizarro, especializado en metodoloxías participativas, igualdade de xénero e masculinidades. Os nosos nenos e nenas participaron nunha conversa na que, a través de dinámicas interactivas, exploraron a relación entre a socialización de xénero, o consumo de pornografía e a maneira en que se constrúen as relacións interpersoais na adolescencia. A sesión promoveu a reflexión crítica sobre estes temas e presentou a sexualidade igualitaria como un modelo desexable e enriquecedor para o conxunto das persoas participantes.


Fermosa e interesante iniciativa proposta pola Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación, do Concello das Pontes no marco da campaña conmemorativa do 25N, Non as fagas invisibles. afina a mirada.


Os obxectivos da actividade foron:

 • Plantexar os modelos de socialización diferenciada en relación cos modelos de sexualidade            hexemónicos. 
• Visibilizar as desigualdades existentes en temáticas vinculadas coa sexualidade.
 • Expor unha serie de ferramentas útiles para a mocidade e o profesorado. 
• Propoñer un espazo lúdico, distendido e participativo que favoreza a interiorización dos conceptos traballados.