miércoles, 25 de junio de 2025

VISITA Á EXPOSICIÓN ELAS

No marco deste Plan Proxecta a prol da igualdade, tamén realizamos algunha saída didáctica. Nunha delas, o alumnado de 2º ESO achegouse á cidade de Lugo para visitar a exposición ELAS, ubicada no Vello Cárcere. Trátase dunha exposición permanente coordinada pola investigadora da USC Aurora Marco na que diferentes artistas luguesas homenaxean a mulleres galegas que destacaron no mundo das artes en diferentes eidos. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer esta obra que pon en valor a figura da muller artista a través da pintura, creando un espazo para honralas no corazón da cidade.


ESPECTÁCULO TEATRAL DIDÁCTICO: MOZAS NAS REDES

 No marco do Programa Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade contamos no noso IES cun espectáculo teatral didáctico enfocado cara aos mozos e mozas para reflexionar sobre as novas formas de violencia sexual que agroman no contexto das novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).

Mozas nas Redes afondou na realidade que agocha detrás o uso das novas tecnoloxías para capacitar á rapazada de ferramentas de detección dos posibles conflitos. Na súa representación, Estíbaliz Veiga navega na dramaturxia de Bernardino Martínez, baixo a dirección de Xosé Leis, presentando un espectáculo unipersoal onde se expoñen os camiños e fases do grooming. Tomando como partida esta conduta delituosa de acosos en redes sociais, a actriz incorpora unha sucesión de situacións onde diferentes rapazas foron caendo nas teas de araña de acosadores na rede. Unha sucesión de episodios onde a actriz muda de personaxe, representando a trama de cada unha das acosadas.


PROGRAMA QUE NON TE LÍEN. TI ELIXES



A iniciativa Que non te líen. Ti elixes chegou ao noso IES para ofrecer unha orientación laboral que fuxa de prexuízos de xénero e permita ás mulleres escoller libremente a formación profesional, sen valoracións baseadas en preconceptos sociais errados que adoitan afectar as súas decisións laborais. 

Ao longo de varias sesións, compartiron co noso alumnado opinións e informacións poñendo como centro a presenza da muller en sectores como o metalúrxico, tradicionalmente masculino; e achegando á rapazada a realidade actual: cada vez máis mulleres se incorporan a estas ofertas formativas e laborais, aínda que seguen sendo minoría. É por iso que traballaron arredor dos estereotipos de xénero, as condicións laborais e a representación feminina e o coñecemento de nomes nestes sectores. 




jueves, 12 de junio de 2025

EXPOSICIÓN EXPRESS-ARTE


Tamén neste curso 2024/25 contamos no IES con exposicións temáticas. Unha delas foi a chamada Express-Arte, que nos fixo reflexionar, a través da arte fotográfica, sobre a temática principal deste blog e unha das nosas principais liñas de traballo: a violencia contra as mulleres.