martes, 19 de diciembre de 2023

ESPECTÁCULO TEATRAL: GOLPES

Obra de teatro: GOLPES

Neste día tivemos o pracer de contar no noso centro coa obra de teatro  GOLPES, un monólogo teatral contra a violencia machista presentado pola compañía galega aAntena e interpretado pola actriz Estíbaliz Veiga e Xosé Leis.

Con Golpes ponse en escena un relato cru e directo de como unha moza vai cedendo nunha relación de parella desigual ata atoparse fóra da súa personalidade.

Esta actividade foi dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO, e está enmarcada no Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e ten como obxectivo principal a prevención da violencia de xénero no ámbito educativo.




viernes, 1 de diciembre de 2023

PUNTO VIOLETA

Punto Violeta

Haiche que ver oh!! Sintoniza a túa antena!!

Con motivo do 25N, contamos cun PUNTO VIOLETA proposto desde a área de Igualdade do Concello das Pontes.

Esta actividade dirixida por Rebeca e Araceli pretendía desenvolver cun sinxelo xogo,  unha acción de sensibilización sintonizando a súa “antena” contra as violencias machistas. (Campaña HVO- Haiche que ver oh).




Ao alumnado que pasou polo Punto Violeta explicáronselle que é o Punto Violeta e, posteriormente, foi convidado a sintonizar a súa antena contra as violencias machistas”. Explicouselle que se trataba dun sinxelo xogo de sensibilización, e que por participar recibirán un agasallo.


Que plataforma utilizas para ver películas? Netflix, HBO, Prime video, Filmin, Apletv ...Imos presentarche unha nova plataforma: HVO...Escoitaches falar dela? As siglas significan “Haiche que ver oh!”.



Como é unha plataforma de recente creación, interésanos a túa opinión sobre as películas que temos...Polo momento contamos con 5 xéneros cinematográficos.


Amosámoslle a ruleta á persoa ou grupo participante e pedímoslle que a faga xirar para escoller un xénero cinematográfico ao azar. A continuación, escollerase UNHA PELÍCULA (do xénero cinematográfico asignado ao azar) da plataforma de HVO que aparece no taboleiro do xogo. A ruleta ten 5 xéneros, a cor violeta non ten asignación de xénero cinematográfico, polo que si sae esa cor, é un privilexio: dámoslle a opción ao grupo de que escolla un xénero cinematográfico.



A plataforma conta cun total de 11 PELÍCULAS de distintos xéneros cinematográficos e, en cada unha delas, abordaremos unha situación que reflicte algunha forma das violencias sexuais.
En función do xénero cinematográfico, escollemos nós a película que nos interesa, e pasamos a verificar se a persoa ou grupo participante ten sintonizada a súa antena contra as violencias machistas.



jueves, 30 de noviembre de 2023

ANDAINA POLO DEREITO A SER NENA

No marco das actividades vencelladas ao 25N, realizamos unha Andaina Solidaria “Polo dereito a ser Nena”.

Esta actividade desenvolveuse en colaboración coa ONG Save The Children @savethechildren_es e está enmarcada en tres dos Plans Proxecta que desenvolvemos no noso centro: Pasaporte Solidario, Correspondentes Xuvenís e Por 365 días de Respecto e  Igualdade.

O chuvioso día non nos detivo, cubrímonos con roupa e paraugas e completamos o percorrido solidario como estaba previsto.




martes, 9 de mayo de 2023

OBRADOIRO DE SEXUALIDADE 2023

Outro ano máis, realizamos uns OBRADOIROS DE EDUCACIÓN SEXUAL dirixidos a todo o alumnado da ESO e FP Básica. 

De novo contamos coa colaboración da sexóloga Jeane Costa, especializada en traballo coa adolescencia. Con este programa buscamos os seguintes  obxectivos:

  • Ofrecer ferramentas para promover unha sexualidade igualitaria, libre e sa.
  • Sensibilizar ao alumnado e fomentar o pensamento crítico, achega da dimensión bio-psico-social da sexualidade e o feito sexual humano, construíndo e desenvolvendo actitudes de bo trato nas relacións afectivas, autocoñecemento, autocoidado e responsabilidade.
  • Inclusión respecto á diversidade sexual, social e cultural.

Traballaron cunha metodoloxía activa, baseada no intercambio de ideas e no traballo persoal, creando un clima no que o alumnado participou transmitindo as súas propias emocións e preocupacións. 

Foi todo un éxito!!!




miércoles, 15 de marzo de 2023

OBRA DE TEATRO: AMANTIS

O noso alumando de 3º e 4º de ESO,  asistiu no Auditorio Cine Alovi  á obra de teatro AMANTIS- Selfies, sexting e outras formas de amar(se) da compañía REBORDELOS e proposta pola concellería de cultura do Concello das Pontes.


É unha comedia dramática que aborda en tono de humor as temáticas da Igualdade, Masculinidades, Adolescencia, Nativ@s dixitais, Brecha xeracional, Identidade…


 

AMANTIS conta a historia dun rapaz de barrio obreiro que quere ser influencer, amado, aceptado. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que descubrirá que el mesmo non é quen pensaba ser.

A obra de teatro achegounos á adolescencia da chamada Xeración Z de forma entretida e próxima, procurando a identificación co personaxe protagonista e afondando máis alá do que vemos nunha primeira ollada ao asomarnos á realidade adolescente.


martes, 14 de marzo de 2023

OBRADOIRO RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

Ao longo de todo o curso estase a desenvolver un obradoiro de resolución de conflitos co alumnado de ESO.

Esta actividade, dirixida por Naiara González, grazas á colaboración da Asociación Adiante das Pontes, desenvólvese ao longo de varias xornadas durante o curso escolar. Fixemos intervencións a nivel grupal e individual

Naiara está a proporcionar ferramentas para coñecernos a nós mesmos, para sacar á luz o que nos fai dano, para aprender a respectar e entender á persoa que temos enfrente...




  


domingo, 12 de marzo de 2023

EXPOSICIÓN ILUSTRADORAS MARY WALL E ESTHER GÓMEZ

No marco das actividades do 8M, o alumnado de 2º de ESO de Taller de Reciclaxe Artístico, realizou un fermoso proxecto baseado no traballo das ilustradoras Mary Wall e Esther Gómez. Elixiron ilustracións destas artistas, pintáronas e incorporáronlles materiais reciclados que trouxeron da casa.

 

O resultado foi magnífico!!  Agradecemos a  Rebeca, profesora da materia o seu esforzo por inculcar na rapazada a importancia dos valores, respecto, espírito crítico, creatividade...

 

martes, 7 de marzo de 2023

OBRADOIROS 8M

No mes de marzo, tivemos o pracer de  ter no noso centro a Laura Seara Sobrado da man do Concello das Pontes, que no marco da campaña do 8M contra os estereotipos sexistas "Clichés, coidado con tragalos”, impartiu a todos os cursos da ESO unha interesantísima charla-obradoiro.


O obxectivo da mesma foi dotar ao alumnado de recursos para identificar os estereotipos sexistas, base das desigualdades, e combatelos. Estereotipos moi presentes nos medios de comunicación, música, redes sociais, etc.

 

É fundamental integrar o concepto de igualdade e proporcionar aos e ás adolescentes as ferramentas necesarias para analizar con perspectiva de xénero a publicidade, a música e os estímulos audiovisuais que lles rodean.

viernes, 24 de febrero de 2023

CHARLA ASOCIACIÓN FADEMGA

FADEMGA Plena inclusión Galicia é a Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. 

A Federación presta servizos de atención directa ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias, co fin de facilitarlles a axuda e as ferramentas que precisan para mellorar aqueles aspectos nos que poden ter carencias ou máis necesidades de apoio.

En febreiro tivemos a sorte de contar cun grupo de persoas autoxestoras da Asociación FADEMGA, tivo a amabilidade de desprazarse ata noso centro e ofrecernos unha charla de sensibilización cara o universo das persoas con discapacidade e as dificultades coas que teñen que enfrontarse  día tras día.

Pasamos unha interesante tarde con eles, na que foron contándonos un a un, os seus problemas e as solucións que foron atopando (ás veces) para progresar nas súas vidas.


 




jueves, 23 de febrero de 2023

EXPOSICIÓN EXXPERIMENTA EN FEMININO

No vestíbulo do noso centro contamos cunha exposición itinerante pertencente á campaña EXXPERIMENTA EN FEMININO titulada As mulleres que nos levaron a Lúa. Está enmarcada dentro das actividades que temos programadas en relación có 8M, Día da Muller.

A exposición, proposta pola Universidade de Vigo,  está composta por 12 pósters nos que se recolle a biografía e os logros daquelas mulleres que co seu coñecemento e traballo axudaron a que se puidera viaxar polo espazo. Nela encontramos matemáticas, químicas, enxeñeiras e informáticas que posibilitaron os viaxes espaciais ademais das astronautas que conseguiron navegar polo cosmos.



O obxectivo fundamental da exposición é divulgativo e de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas femininas no ámbito das profesións CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). A iniciativa pretende que nenas e nenos poidan coñecer a presenza feminina nestes campos instaurándose así novos modelos femininos.




Conta coas marabillosas imaxes da ilustradora orensana MeliMolita